Tuesday 21 de May de 2024

A Xunta salienta o liderado da Universidade da Coruña con sete mestrados de excelencia dos nove que contan con este selo de calidade en Galicia


— O secretario xeral de Universidades, José Alberto Díez de Castro, participa nunha reunión de traballo de coordinación académica e análise presidida polo reitor da UDC, Julio Abalde

— No marco da xornada, visitaron a Facultade de Enxeñaría Informática, o centro máis excelente en estudos de posgrao, que concentra catro mestrados de excelencia

A Xunta salienta o liderado da Universidade da Coruña (UDC) no que atinxe aos mestrados de excelencia que oferta, xa que concentra sete do total de nove que en Galicia contan con este selo de calidade implantado polo Goberno galego en 2020 e a través do cal se acredita o nivel académico e a solvencia científico-técnica dos estudos que o obteñen.

O secretario xeral de Universidades, José Alberto Díez de Castro, participou esta mañá nunha xuntanza de traballo presidida polo reitor da UDC, Julio Abalde, para afondar na coordinación e analizar a repercusión destes mestrados. No encontro tamén participou a vicerreitora de Planificación Académica e Innovación Docente da UDC, Nancy Vázquez, e os equipos coordinadores destas titulacións.

A xornada completouse cunha visita á Facultade de Enxeñaría Informática da UDC, que se convirte no centro máis excelente en estudos de posgrao do conxunto do Sistema Universitario de Galicia coa participación en catro mestrados con este selo: en Enxeñería Informática, obtido en 2021; en Bioinformática para Ciencias da Saúde en 2022, en Matemática Industrial (impartido entre as universidades de Santiago de Compostela, da Coruña e de Vigo) e en Computación de Altas Prestacións (entre A Coruña e Santiago) obtidos este mesmo ano.

Na UDC tamén contan con este selo de excelencia os mestrados en Bioloxía Molecular, Celular e Xenética, en Biotecnoloxía Avanzada (conxunto entre UVigo e a UDC) e e en Produción Xornalística e Audiovisual (2023).